Archive for the 01. QUE É A SERPE BICHOCA Category

GRUPO DE ESTUDOS ETNOGRÁFICOS SERPE BICHOCA

Posted in 01. QUE É A SERPE BICHOCA on Novembro 17, 2010 by serpebichoca

O Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca é unha asociación cultural sen ánimo de lucro constituída no ano 2007 coa intención de investigar, recuperar e divulgar os tesouros (etnográficos, históricos…) do patrimonio material e inmaterial da cultura galega.

Para levar a cabo este labor, o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca, que toma o nome dun fabuloso réptil da mitoloxía de Cerdedo, conta coa colaboración entusiasta dun amplo número de persoas comprometidas coa tarefa de enxalzar a nosa cultura: arqueólogos, etnógrafos, lingüistas, artistas plásticos, técnicos en audiovisual, músicos, etc.

Nestes anos de vida, as actividades culturais que desenvolveu o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca foron numerosas e variadas. A promoción ou participación en charlas, conferencias, xornadas… onde se faga abordaxe dalgún aspecto da nosa cultura é un dos seus leitmotiv. O recurso do audiovisual permítelles incrementar o seu labor divulgativo para achegarlle á xente, dun xeito máis claro e directo, a nosa riqueza cultural e etnográfica. Os documentais “Monte do Seixo. A Montaña Máxica” e Sete camiños. Encrucillada do tempo” son bos exemplos deste labor audiovisual que veñen realizando.

Da súa oferta editorial podemos citar a publicación dos libros Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas” de Calros Solla, “Deuses, Mitos e Ritos do Monte do seixo. Unha proposta interpretativa en clave céltica” de Rafael Quintía, diversos artigos de investigación aparecidos en publicacións, como a revista de investigación da web Galicia Encantada, a revista Murguía, o boletín Fol de Veleno, o boletín Verbo Xido ou os distintos medios de prensa. Recentemente veñen de editar o primeiro número de “Fol de Veleno. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. 

Por último, cómpre salientar que o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca non conta con ningún tipo de axuda ou subvención pública nin privada, senón que se mantén e financia grazas ao traballo e esforzo desinteresado dos seus membros e colaboradores.

CONTACTO:

serpebichoca@yahoo.es

 

Advertisements