Archive for the 02. PROXECTOS Category

PROXECTO ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS

Posted in 02. PROXECTOS on Novembro 17, 2010 by serpebichoca

 

O Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca colabora activamente —como parte da súa comisión técnica— na posta en marcha e dibulgación do proxecto para a creación do Espazo natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

O proxecto para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños é unha iniciativa que apoian preto dunha vintena de colectivos socioculturais e veciñais de Pontevedra, Marín e Vilaboa, máis un grupo de arqueólogos que avalan a súa posta en marcha. É unha proposta que pretende pór en valor o importante e valioso patrimonio natural e arqueolóxico da zona.

Este espazo estaría situado no contorno do Couto do Pornedo e dos Sete Camiños, no monte comunal das parroquias de Lourizán e de Salcedo, no Concello de Pontevedra, e no de San Xulián de Marín de Arriba, no Concello de Marín. Así pois, este espazo está dividido entre dous concellos: Marín e Pontevedra; e tres parroquias: San Xulián, Lourizán e Salcedo. Pero hai que ter presente que conforma unha unidade natural.

Neste espazo, cunha área relativamente pequena, atopamos concentrados toda unha serie de xacementos arqueolóxicos e outros elementos que forman parte do noso patrimonio natural e cultural.

Dentro do patrimonio arqueolóxico cabe sinalar a presenza de varias mámoas e petróglifos.

En canto ás mámoas, trátase das dúas mámoas de Chan da Lagoa (GA 36038039, nº 1 e nº 2); e a mámoa do Catadoiro (GA 36038037); ás que se sumaba a mámoa de Louredo (GA 36038060), recentemente destruída. A estas hai que sumar outras posibles novas mámoas que estan sin catalogar, como o túmulo da Campana, que aparece mencionada no Estudo de Impacto Ambiental da Liña de Alta Tensión Lourizán – Cangas do 2003, así como unha nova mámoa que apareceu na Prospección de dita liña. Estes cinco xacementos poden considerarse un conxunto, pois son da mesma natureza, túmulos funerarios de época megalítica; e concéntranse nun área reducida (menos de dous km en liña). A súa vez, forman parte do conxunto máis amplio que constitúe o campo de mámoas de Domaio, que ten en Chan de Armada (Marín) e Chan de Arquiña (Moaña) os seus máis coñecidos expoñentes; xa que xeográficamente sitúanse nunha das estribacións desta serra.

Ademais disto, temos o Conxunto de gravados rupestres do Pornedo, no límite dos concellos de Marín e Pontevedra; o Petroglifo de Sete Camiños, e o Conxunto de gravados rupestres de Pinal do Caeiro, ambos en territorio marinense; e o Conxunto de gravados rupestres do Regato dos Buracos, na parroquia de Salcedo.

Tamén podemos mencionar o Abrigo Rochoso de Catadoiro, probablemente do Paleolítico, na parroquia de Lourizán.

A isto debemos engadir dentro deste espazo natural, diferentes formacións xeolóxicas de interese, así como dous miradoiros naturais privilexiados pola súa vista panorámica sobre a ría. Un é o de Pornedo e outro o Mirador Natural do Monte Catadoiro.

A zona do Monte do Pornedo e Os Sete Camiños constitúe un espazo privilexiado, de singular relevancia natural e patrimonial. Esta área, que forma parte da Serra de Domaio, está chamada a convertirse nunha zona de esparcimento dos Concellos de Pontevedra; Marín e Vilaboa, unha extensión natural do Parque da Lagoa de Castiñeiras, que pode chegar a ser un importante referente, que axude a enriquecer, fortalecer e diversificar a oferta cultural e turística da comarca. A proposta de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños representa unha alternativa viable para convertelo nun referente identitario para a comunidade local ademais de constituír un recurso social e economicamente rendible; destacando a necesidade de conservar, estudar e difundir este espazo pola súa importancia patrimonial, polo valor didáctico e polo poder identitario das pegadas deixadas na paisaxe polos nosos devanceiros

Comisión Técnica do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños
Paz Castro
Xornalista
Rafael Quintía
Economista e investigador do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca
Lukas Santiago
Realizador e Arqueólogo
David Suárez
Especialista en Multimedia

Máis información na web:

http://www.espazosetecaminhos.tk/

Aquí tendes un pequeno video de presentación do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños:

Advertisements

PROXECTO MONTAÑA MÁXICA

Posted in 02. PROXECTOS on Novembro 17, 2010 by serpebichoca

 

Nos últimos tempos o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca orientou os seus esforzos a prol do monte do Seixo, teimando en salientar a súa potencialidade. O “Proxecto Montaña Máxica” arela divulgar o indiscutíbel atractivo cultural do monte do Seixo —verdadeiro parque temático da nosa mitoloxía popular—, ofrecéndoo como unha novidosa e dinamizadora alternativa cultural para a bisbarra de Terra de Montes. As actividades desenvolvidas polo Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca en colaboración coa asociación Verbo Xido, ao pór en marcha o Roteiro da Montaña Máxica, xa lle revelaron a un milleiro de persoas os segredos agochados nesta montaña máxica.

Neste campo de actuación o grupo realizou un intensa labor de investigación e dibulgación que concluiu coa publicacións de tres libros:

“Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica” de Calros Solla e publicado en Edicións Cardeñosa. Libro coral que conta con numerosas colaboracións e no que se fai unha documentanda denuncia da destrucción do patrimonio natural e arqueolóxico-etnográfico que supuxo a construcción do parque eólico do cando.

Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas” de Calros Solla (Ed. Serpe Bichoca). Guía a todo color da Montaña Máxica na que se inclúen numerosos roteiros e un compendio de toda a mitoloxía local.

“Deuses, Mitos e Ritos do Monte do seixo. Unha proposta interpretativa en clave céltica” de Rafael Quintía (Ed. Serpe Bichoca). Obra que, como o seu subtítulo explica, supón un intento de explicar toda a mitolóxía, os ritos e as crenzas que atesouran as estacións míticas do monte do Seixo. Unha guía ou mapa para coñecer o que se agocha tras a lenda.

Ademais de todo este intenso traballo editorial, o G.E.E. Serpe Bichoca filmou e produciu un documental de longa duración, Monte do Seixo. A Montaña Máxica, onde se fai repaso tanto do labor de recolleita do patrimonio inmaterial, xa plasmado noutros libros de Calros Solla (Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo (2005) e Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (2007)), como das estacións arqueolóxicas presentes nesta montaña.

Véxase a continuación o trailer do documental:

Véxase tamén a reprodución do espazo “Natureza” da Televisión Galega do 5 de maio de 2009, onde se salienta o abondoso patrimonio material e inmaterial do monte do Seixo (Pontevedra). Calros Solla fai fincapé no valor da coñecida como a “Montaña Máxica”. O programa “Natureza” é unha produción de PÓRTICO de Comunicacións, S.L.